A ROMANIZACIÓN E O MEDIOEVO

A romanización é un proceso de larga duración, a través do que os elementos indíxenas do mundo castrexo irán absorbendo progresivamente os elementos da cultura romana ata quedar integrados nela. Este proceso de aculturación ten lugar despois  do sometemento pola forza dos pobos galaicos por parte  do Imperio de Roma. A incorporación de Galicia ó Imperio Romano ocorre de forma tardía  e incompleta. Gallaecia, é un topónimo romano que designa a provincia  máis occidental de Hispania. O  propio Augusto chega ata Gallaecia para por punto final ás operacións militares de conquista que rematan no ano 19 a. C.
Baixo o dominio de Roma as terras de Aranga quedaron na circunscrición  do Convento Lucense percorridas pola Vía XX ou algún dos seus ramais.
Os intereses básicos de Roma en Galicia foron a explotación das riquezas mineiras, o  mantemento da “Pax Romana” dentro dos límites  do Imperio e o  abastecemento de soldadesca para as súas lexións. Para lograr estes tres obxectivos prodúcese unha organización territorial a través dunha densa rede viaria, que comunica as explotacións mineiras co resto do Imperio. Ó longo destas calzadas situábanse mansións para o abastecemento e asueto dos viaxeiros. Outras construcións relacionadas coas vías romanas son as pontes, moitas das pontes medievais que hoxe se conservan solen ter unha orixe romana, como pode selo caso da Ponte de Aranga. No transcurso dunhas obras no presbiterio da igrexa de San Vicenzo de Fervenzas, atopouse unha ara votiva de época romana dedicada a Xúpiter. Esta peza  está depositada no Museo das Mariñas de Betanzos.

A romanización de Gallaecia caracterízase basicamente polo sincretismo das dúas culturas, as populi, comunidades indíxenas mantéñense nunha sociedade galaico-romana que continúa habitando os castros, practicando o mesmo tipo de agricultura, na mesma paisaxe... mentres se implanta unha administración de base conventual, imponse progresivamente o  latín, concédese o  ius Latii e novos deuses amplían o  panteón galaico... Segundo Tranoe, habería que falar “dunha converxencia entre o  dinamismo local e as contribucións exteriores”.
A chegada dos pobos xermánicos no ano 409, pon fin ó mundo romano e á súa estrutura político administrativa.
Despois dun escuro período de predominio visigótico sobre Galicia e trala invasión musulmá, que a penas deixa ningún rexistro, iníciase unha etapa de repoboación  do territorio, durante os séculos IX e X, na que se poñen as bases do que pode considerarse un réxime señorial e unha  sociedade feudal. Estas bases estarían asentadas sobre as villae galaico-romanas, sistema de explotación agrícola, practicado fundamentalmente en época baixorromana, que xunto cun maior desenvolvemento das cidades e a aparición  do cristianismo, modifican substancialmente a paisaxe histórica de Galicia.

Ó medievo parecen pertencer os restos dun castelo construído na confluencia dos ríos Cambás e Mandeo, a súa existencia atribúese os Templarios, inda que algúns estudosos precisan que data do século X e que pertencía ós fundadores do Mosteiro de Sobrado, o conde Hermenegildo e á súa dona a infanta Paterna.

Tamén de difícil constatación é a presenza dunha torre construída no Monte Catón, en tempos de Teodomiro, unha importante fortaleza chamada Castrum Jeaccium e que xunto a outras servía de defensa e garda da comarca.

De trazas románicas é a igrexa de San Cristovo de Muniferral, e a ermida de San Vitorio en Caínzos-Cambás, situada nun paraxe natural de gran beleza, onde a presenza de restos megalíticos deu lugar á lenda de Roldán, xigante do que se di que son as pisadas que hai na rocha, para rematar con estas lendas precristiás erixiuse no mesmo lugar a ermida de San Vitorio.

Nas inmediacións de Ponte Aranga atopouse unha cruz enterrada e cóntase que ó desenterrala, no mesmo lugar, apareceu unha fonte con augas dende entón veneradas como milagrosas, atribuíndoselles as virtudes de arredar as invasións de insectos, curacións de persoas e animais, ademais do don da fecundidade. A coñecida Fonte da Milagrosa Santa Cruz foi construída posiblemente no século XVII. A cruz é unha interesante peza de latón do século X, de feitura similar a cruz dos Ángeles da catedral de Oviedo, símbolo Heráldico de Asturias.

O Templo de San Paio de Aranga, con trazas barrocas do XVII, foi construído polos monxes de Sobrado. Presenta planta de cruz latina con tres naves e grandes dimensións. Ten unha airosa torre e unha sinxela fachada cunha imaxe de san Pelaio. No muro norte sitúase a capela do Cristo, construída a finais do XVIII para darlle culto á Cruz.

Neste mesmo estilo construíuse a igrexa parroquial de San Pedro de Cambás, do século XVIII.

Outros construcións relixiosas de interese son a igrexa e a casa reitoral de San Vicente de Fervenzas, a igrexa de Feás e Vilarraso, a ermida de San Salvador en Pereira, a ermida da Virxe das Dores no Carballal, a capela de San Salvador de Milreo e a ermida de San Cibrán en Pousadoiro.

Tal vez de orixe medieval ou anterior é a  ponte de Ponte Aranga, construída no século XVII con catro arcos desiguais.

No antigo réxime as parroquias que hoxe constitúen o concello de Aranga, formaban parte das xurisdicións de Fervenzas, Muniferral e Sobrado, pertencentes a antiga provincia de Betanzos, ca seguinte distribución e dependencias.

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22227/capela-de-san-vitorio-de-cambas?langId=es_ES&tp=8&ctre=31

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22221/capela-do-carballal?langId=es_ES&tp=8&ctre=31

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22226/capela-de-san-salvador-de-milreu?langId=es_ES&tp=8&ctre=31

ttps://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22236/capela-de-san-salvador-de-aranga?langId=es_ES&tp=8&ctre=31

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22223/capela-de-san-antonio-da-reborica?langId=es_ES&tp=8&ctre=31

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22228/igrexa-de-san-cristovo-de-muniferral?langId=es_ES&tp=8&ctre=31

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22229/igrexa-de-san-lourenzo-de-vilarraso?langId=es_ES&tp=8&ctre=31

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22238/igrexa-de-san-pedro-de-cambas?langId=es_ES&tp=8&ctre=31

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22244/igrexa-de-san-pedro-de-feas?langId=es_ES&tp=8&ctre=31

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22235/igrexa-de-san-vicente-de-fervenzas?langId=es_ES&tp=8&ctre=31