ORDENANZA REGULADORA DA TAXA SOBRE A RECOLLIDA DO LIXO E DE RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS
Artigo 1.-
Este concello establece a Taxa sobre a recollida do lixo e dos residuos sólidos urbanos, en uso das facultades que lle confiren os artigos 133.2 e 142 da Constitución, e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos do 15 ao 19 e no 58 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, que se vai rexer pola presente ordenanza fiscal que atende ao previsto nos artigos do 20 ao 27 da mencionada Lei 39/1988.
Artigo 2.- Feito impoñible
1.- Constitúe o feito impoñible da taxa da prestación do servizo que é recepción obrigatoria da recollida do lixo e dos residuos sólidos urbanos das vivendas, dos aloxamentos e dos locais ou dos establecementos donde se exercen actividades industriais, comerciais, profesionais, artísticas ou de servizos.
2.- Para tal efecto, considéranse como lixo ou residuos sólidos urbanos os restos e os desperdicios de alimentación, residuos procedentes da limpeza normal de locais ou de vivendas, e exclúense de tal concepto os residuos de tipo industrial, cascallos de obras, residuos humanos, materias e materiais contaminados, corrosivos, perigosos ou os que a súa recollida e verquido esixa a adopción de especiais medidas hixiénicas, profilácticas ou de seguridade.
Artigo 3.- Suxeitos pasivos
1.- Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas, así como as herdanzas xacentes, comunidades de bens, e demais entidades que, carentes de personalidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado, susceptible de imposición, que ocupen ou utilicen calquera clase de vivenda ou de local, ben sexa a título de propiedade, arrendatario ou calquera outro dereito real, incluíndo o precario. Tamén terán a consideración de suxeito pasivo os propietarios de vivendas ou de locais desocupados ou de temporada, xa que se non utilizan o servizo non é motivo para que este non se teña que prestar.
2.- Terán a consideración de suxeito pasivo substituto do contribuínte o propietario das citadas vivendas ou locais, que poderán repercutir a cota sobre os usuarios ou beneficiarios do servizo.
Artigo 4.- Responsables
1.- Será responsable, solidariamente, das obrigas tributarias establecidas nesta ordenanza toda persoa causante ou colaboradora na realización dunha infracción tributaria.
Nos supostos de declaración consolidada todas as sociedades integrantes do grupo serán responsables solidarias das infraccións cometidas neste réxime de tributación.
Os coparticipantes ou cotitulares das herdanzas xacentes, das comunidades de bens e das demais entidades que carezan de personalidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado, susceptible de imposición, responderán solidariamente e en proporción as súas respectivas participacións das obrigas tributarias das ditas entidades.
3.- Serán responsables subsidiarios das infraccións simples e da totalidade da débeda tributaria no caso de infraccións graves cometidas polas persoas xurídicas. Os administradores das que non se realicen aos actos necesarios da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas tributarias infrinxidas, consentirán o incumprimento polos que dependan deles ou adopten acordos que fixesen posibles as infraccións. Así mesmo, os administradores responderán subsidiariamente das obrigas tributarias que estean pendentes de encherpolas persoas xurídicas que cesasen nas súas actividades.
4.- Serán responsables subsidiarios os síndicos, os interventores, os liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, cando, por unha neglixencia ou unha mala fe, non realicen as xestións necesarias para o total cumprimento das obrigas tributarias que deveñan con anterioridade ás ditas situacións e que sexan imputables aos respectivos suxeitos pasivos.
Artigo 5.- Cota tributaria
1.- A cota tributaria, que será anual, consistirá nunha cantidade fixa por unidade de local, que se determinará en función da natureza e do destino dos inmobles.
2.- As cotas que se han de aplicar serán as seguintes:
– Por cada vivenda……………………………………………….. 45,00 €
– Por cada local comercial, profesional,
industrial, café-bares e outros similares………………… 90,00 €
– Outros non incluídos nos apartados anteriores…….. 90,00 €
Estas cotas teranse dereito a percibilas desde que naza a obriga de contribuír, esixíndose por anos.
3.- Nos casos de locais que conteñan varios negocios distintos establecerase unha cota para cada actividade.
Artigo 6.- Exencións e bonificacións
De conformidade co que se dispón no artigo 18 da Lei 8/1989, do 13 de abril, non se recoñece beneficio tributario ningún, salvo ao Estado, á Comunidade Autónoma e á provincia á que pertence este Concello, e os que sexan como consecuencia do establecido nos tratados e acordos internacionais.
Como excepción ao que antes se expuxo están exentos da taxa os contribuíntes declarados pobres por precepto legal ou que estean inscritos no padrón municipal de beneficencia.
Artigo 7.- Dereito a percibir
1.- A taxa tense dereito a percibir e nace a obriga de contribuír desde o momento en que comece a prestación do servizo, entendendo que comeza, dada a súa natureza de recepción obrigatoria, cando estea establecido o Servizo Municipal de Recollida de Lixo ou de Residuos Sólidos Urbanos.
2.- Unha vez que se estableza o funcionamento do referido servizo as cotas teranse dereito a percibir o primeiro día de cada ano, excepto o ano de implantación, que se terá dereito a percibir o primeiro día da prestación do servizo e a cota prorratearase por mensualidades.
Artigo 8.- Declaración de ingreso
1.- Todos os contribuíntes obrigados ao pagamento deste tributo deberán presentar, no prazo de 30 días hábiles seguintes á data na que se teña dereito a percibir a taxa por primeira vez, na Administración Municipal, unha declaración das vivendas ou dos locais afectados por esta taxa, mediante un escrito dirixido ao alcalde do concello, e o ingreso simuntáneo, facendo o ingreso da cota correspondente na tesourería municipal. Logo de que transcorra o dito prazo sen que se presente a declaración e se faga o simultáneo ingreso, a administración, sen prexuízo das sancións que procedan, efectuará, de oficio, a alta na correspondente matrícula do tributo. Nos casos de novas altas de vivendas, locais ou inmobles afectados pola presente ordenanza o procedemento de alta será o regulado neste parágrafo.
2.- Nos anos sucesivos o pagamento da taxa acreditarase mediante a declaración-liquidación ou recibo, debidamente validado pola entidade recadadora.
Artigo 9.- Dereitos e deberes dos usuarios
1.- Os usuarios do servizo teñen dereito:
A) a que o concello ou a empresa adxudicataria lles retire o lixo ou os residuos sólidos nos días e nas horas que se conveñan, cos medios técnicos adecuados, salvo causa de forza maior.
B) A que a actividade se axuste, en todo caso, ao principio de igualdade ante a lei e sexa axustada aos motivos e aos fins que a xustifiquen.
C) A que as taxas que hai que aboar veñan legalmente fixadas na ordenanza fiscal correspondente.
D) Os demais dereitos que se deriven da aplicación desta ordenanza ou veñan fixados nas disposicións que lles sexan de aplicación.
2.- Os usuarios do servizo estarán obrigados:
A) a colocar o lixo e os residuos sólidos en bolsas homologadas e recipientes adecuados, nas horas e nos lugares adecuados.
B) A non incluír nos contedores materias que non teñan a consideración de lixo ou de residuos sólidos referidos ás actividades e situacións reguladas no artigo 2 desta ordenanza.
C) A satisfacer as taxas na contía e na forma prevista nesta ordenanza fiscal.
D) A cumprir calquera obriga que se derive desta ordenanza e as disposicións legais que sexan de aplicación.
Artigo 10.- Infraccións e sancións
1.- Os usuarios do servizo serán responsables das infraccións que cometan en relación con esta ordenanza. Para estes efectos estímanse faltas:
– a non utilización de bolsas ou de recipientes adecuados ou previstos.
– o feito de non colocalos antes dos horarios que se determinen.
– o colocar as bolsas nos lugares distintos aos que se sinalen.
– a inclusión nos recipientes de materias que non teñan a natureza de lixo ou de residuos sólidos, conforme co previsto no artigo 2 desta ordenanza.
2.- Para as faltas aplicaranse as seguintes sancións:
– apercibimento
– multas de ata 6 euros.
Disposición final
A presente ordenanza foi modificada polo Pleno Municipal e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e será de aplicación dende o día 01 de xaneiro de 2012, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa.
Aranga, 18 de outubro de 2011.O alcalde.Alberto Platas Álvarez