Igrexa de Xan Paio de Aranga
Igrexa de estilo predominantemente barroco, de tipoloxía rural. Consta dunha planta de cruz latina con tres naves. Posúe unha capela no muro norte, onde se garda a Santa Cruz (quizais do século X), moi parecida á Cruz dos Anxos de Oviedo. No cruceiro existe unha fornela interior que contén unha estanza secreta, con escaleiras, que percorre a á. O interior é abovedado con apoios puntuais en columnas e arcos. Polo exterior a cuberta é a dúas augas na nave e unha no cruceiro, con tella curva, rematada por pináculos. Os muros de cachotaría e cadeirado de granito sen recubrir. Na fachada principal obsérvanse a porta alintelada, seis vans e unha fornela co santo que aínda conserva restos de policromía. Destaca a torre-campanario, que ten tres corpos, o primeiro da mesma altura que a igrexa, o segundo con balaustrada e campás e o terceiro con planta octogonal, con oito vans, rematando nunha pequena cúpula de estilo barroco.