A PROPOSTA DE HOXE: APUNTAMENTOS DA HISTORIA SÉCULO XIX

Ó promulgarse a Constitución do 1812, as parroquias do concello de Aranga, que formaban parte da antiga provincia de Betanzos pasan a provincia única de Galicia e dende as divisións provinciais de 1822 e de 1833, o termo municipal pasa a formar parte territorialmente da provincia da Coruña.

Os primeiros concellos constitucionais xurdiron ó abeiro da constitución de Cádiz, entre os dous períodos liberais: 1812-1814 e 1820-1823, especialmente no segundo. O concello de Aranga foi un dos constituídos neste período, e case con seguridade coas mesmas parroquias que o formaron no ano 1836.

Dende marzo de 1820, pertenceu ó partido xudicial de Betanzos, figurando no “Estado” do repartimento de quintos, feito pola Deputación única de Galicia, o 7 de xullo de 1821, entre os 634 concellos que entón o formaban, coa obriga de dar 3 homes e ¾ de homes. Tamén figura noutro repartimento feito no ano 1822, pola Deputación da Coruña, cando Galicia se divide en catro, e no que lle corresponde a Aranga, un home e oito décimos.

👉O concello constitucional de Aranga, aparece tamén nos repartimentos que fai a Deputación de Galicia entre os concellos: no de contribucións do 13 de setembro de 1821, e no de consumos do 2 de outubro de 1821, e ó facerse a división en provincias no feito pola Deputación da Coruña, o 10 de decembro de 1822.

Pola cantidade contribuída o concello de Aranga, era o noveno en importancia dos catorce que constituían o partido xudicial de Betanzos.

No proxecto inicial de arranxo dos concellos da provincia da Coruña, segundo o R.D. de 23 de xullo de 1835, que a deputación provincial publicou no BOPCO, do 25 de abril de 1836, para que os veciños puidesen facer as observacións que lles suxerira o seu interese polo ben público, non figuraba como concello independente o de Aranga, senón que o mesmo, ou as parroquias que o formaban, incluíanse dentro da proposta como concello de Muniferral, que tería doce parroquias.

👉Ó final a Deputación da Coruña, na sesión do 6 de xuño de 1836, dividiu en dous o proxectado concello de Muniferral: Coiros, con sete parroquias é Aranga, con seis, cinco que figuraban no proxecto en Muniferral (Feas, Fervenzas, Muniferral, Aranga, é, Cambas) e unha mais que non figuraba no proxecto: Santa María de Rodeiro.

Máis tarde produciuse o  traspaso da parroquia de Santa María de Rodeiro, que lle fora adxudicada na distribución de 1836, adscrición que foi rexeitada de inmediato polos veciños da parroquia, pedindo a segregación de Aranga e a súa agregación ó concello de Oza dos Ríos. A Deputación da Coruña, na sesión do 27 de xullo de 1836, rectificou a distribución das parroquias atendendo ás alegacións dos veciños. De forma fugaz a parroquia de Rodeiro pertenceu administrativamente ó concello de Aranga uns cantos días.

O 5 de abril de 1842 a Deputación da Coruña aprobaba un novo plan de redución de concellos (non levado a cabo) polo que o concello de Aranga desaparecía, e as cinco parroquias que o formaban, pasaban todas o concello de Irixoa.

A perda dunha parroquia seríalle compensada co nacemento dunha nova parroquia: San Lourenzo de Vilarraso, (con 19 aldeas) creada polo arranxo parroquial do 1867.

Xudicialmente, cando se fai a división do 3 de marzo de 1820, pasa a formar parte do partido xudicial de Betanzos, o mesmo lle acontece na división de 1834, dependendo dende entón do mesmo partido, inclusive despois da nova demarcación de 1988. Pola Orde do 24 de marzo de 1945, de establecemento dos xulgado comarcais, o seu xulgado de paz pasa a depender do xulgado comarcal de Irixoa, ata que quedou sen efecto dita reforma.

En canto á xurisdición eclesiástica as parroquias de Aranga, que tradicionalmente formaron parte dos arciprestados de Pruzos e Xanrroxo, pertencen agora os seguintes arciprestados:
Pruzos: Aranga, Cambás.
Sobrado: Vilarraso.
Xanrroxo: Feás, Fervenzas, Muniferral.
Todas elas parroquias matrices pertencentes á diocese de Santiago.
O escudo heráldico do Concello de Aranga, está organizado da seguinte maneira: en campo  de azur, a ponte de prata de tres ollos, sostido de ondas de prata e azur e superado da Cruz de Aranga; en xefe, ordenadas as cinco trabas de ouro. Timbrado con coroa real pechada.
En cumprimento dunha R.O de Fomento do 30 de agosto de 1876, o Gobernador Civil da Coruña, remitiulle o Xefe do A.H.N. o 24 de setembro de 1877, as contestacións recibidas dos alcaldes da súa provincia, sobre os selos que usaran ou que viñan usando e a súa historia, a xustificación enviada polo alcalde de Aranga, o 23 de setembro de 1876, sobre o selo municipal dicía:

“Neste distrito úsase o selo do axto dende o ano de 1867, que se reemplazóu por outro que se inutilizóu na mesma data. No dito ano tamén se construéu o da alcaldia e xunta local de primeiro ensino, e o do xulgado municipal, dende a súa creación, sen que se houbese usado outro ningún selo; non obstante que na época do goberno republicano, véu unha orde proibindo nos selos a coroa e todo atributo real, e dela o axto. Fixo caso omiso e continuó usando dos que aparecen. Ditos selos mandaronse construir a capricho sen outro orixe histórico, dos que carece este distrito, pois a súa instalación tivo lugar no ano 1836.”

✅CAMIÑOS HISTÓRICOS.

Pola súa localización xeográfica a capital municipal Ponte Aranga, constitúe un dos eixes fundamentais nas comunicacións do municipio con outros lugares máis ou menos afastados.
Hai identificados sete Camiños Reais que compoñían unha intricada rede que comunicaba esta zona con lugares como Irixoa, Curtis, Sobrado, Betanzos, As Pontes o Vilalba.

1.    Ponte Aranga – As Pontes de García Rodríguez,  través de Cambás e Xestoso.

2.    Ponte Aranga – Irixoa, pasando por Pereira.

3.    Camiño da Veiga. Dende Ponte Aranga, dirixíase a Betanzos, a través da Veiga e Irixoa. Inda hoxe se poden visita-los restos da antiga ponte que cruzaba o Mandeo, pola Veiga. Contaba cunhas impresionantes bases en perpiaño de granito que salvaban a canle nun punto no que a anchura do río require unha importante obra de enxeñería. Estivo en funcionamento ata a primeira metade do século XX, cando o Camiño Real ó que daba servizo caeu en desuso. Este ramal, formaba parte do Camiño Real de Vilalba a Betanzos, que arrancando na capital da Terra Chá, abandonaba a provincia de Lugo e entraba na antiga provincia de Betanzos, a través da Serra da Loba.

4.    Ponte Aranga – Betanzos, a través de Muniferral. Na actualidade a estrada de Ponte Aranga a Parada, sigue o trazado deste Camiño Real, case na súa totalidade.

5.    Ponte Aranga – Sobrado, a través da Castellana e Vilarraso. Este era un dos máis utilizados polas implicacións señoriais do Mosteiro de Sobrado ca freguesía de San Paio de Aranga.

6.    Aranga – Guitiriz, arrancaba de Ponte Aranga, e seguía polos lugares de Congostro, O Barreiro, A Fraga, A Cima de Aranga, O Carballal e Os Vilares.

7.    Ponte Aranga – Friol, a través do Pousadoiro.

Neste cruce de camiños que resulta ser Ponte Aranga, ademais da ponte que orixina o topónimo,  localízanse dous dos referentes relixiosos e culturais máis importantes do territorio: a Igrexa de San Paio de Aranga  e a coñecida  Fonte da Santa Cruz, que atrae a centos de romeiros as beiras do río Mandeo.

Igrexa San Paio de Aranga
👇👇👇
https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22231/igrexa-de-san-paio-de-aranga?langId=es_ES&tp=8&ctre=31

BIBLIOGRAFÍA.
●    CAAMAÑO SUÁREZ, M. As Construccións da Arquitectura Popular. COAAT. A Coruña. 2003
●    CARRÉ ALDAO, E. Geografía del Reino de Galicia. 1936.
●    CARRERAS CANDI, E. Geografía General del Reino de Galicia. Alberto Martín. Barcelona. 1926.
●    CASTELAO, A.R.. As cruces de pedra en Galicia. Ed. Akal. Madrid. 1.977
●    FARIÑA JAMARDO, J. Os Concellos Galegos. Fundación Barrié de la Maza. A Coruña.1993.
●    LAREDO VERDEJO; X.L. (1.981) A Coruña e As Mariñas; colección Galicia Enteira. Ed. Xerais. Vigo.
●    LICENCIADO MOLINA. Descripción del Reino de Galicia. Ed. Supervisión e control. 1998.
●    MADOZ, P. Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico de España y sus posesiónes de Ultramar.
●    PÉREZ ALBERTI, A. A Xeografía. Galaxia. Vigo. 1995.
●    PRECEDO LEDO, A. O mapa comarcal de Galicia. Xunta de Galicia.
●    RISCO, V. Historia de Galicia. Galaxia. Vigo. 1978.
●    SORALUCE BLOND, J.R., FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, X. Arquitecturas da Provincia. Vol. XVI. Deputación Provincial da Coruña. 1998.
●    VÁZQUEZ VARELA, J.M. et alter. La Cultura Megalítica de la provincia de La Coruña. Deputación da Coruña. 1987
●    VILLARES, R. Historia de Galicia. Alianza. Madrid. 1997.
●    VV.AA. Anuario de Estatística Agraria. Xunta de Galicia. Santiago. 2002.
●    VV.AA. Atlas de Galicia. Medio Natural I. Xunta de Galicia, Santiago.
●    VV.AA. Dicionario de Xeografía. Anaya.  Madrid. 1986.
●    VV.AA. Dicionario Galego Universal. Tomo 45. Ir Indo Ed. La Voz de Galicia. A Coruña. 2003.
●    VV.AA. Galicia 2002. Ed. Compostela. Santiago. 2002.
●    VV.AA. Galicia pueblo a pueblo. La Voz de Galicia. A Coruña. 1993.
●    VV.AA. Galicia, Xeografía. Ed. Hércules. A Coruña 1996.
●    VV.AA. Gran Enciclopedia Gallega. Santiago de Compostela. 1.984.
●    VV.AA. Informe demográfico de Galicia. Fundación Caixa Galicia. Santiago. 1999.

Anterior ACLARACIÓN COMUNICACIÓN CACHARELA DE SAN XOÁN

Leave Your Comment

Praza Mestre Mosquera Nº1

15317 – Ponte Aranga – Aranga

Horario:

Lun – Ver: 8:30 am – 14:30 pm