MOCIÓN DE REXEITAMENTO AO USO DE LINGUAXE PEXORATIVA OU DISCRIMINATORIA
O Pleno Municipal, por unanimidade dos seus membros presentes na sesión ordinaria do 25 de agosto de 2021, aprobou á seguinte Moción:
“Os discursos de odio poden definirse como calquera forma de comunicación de palabra, por escrito ou a través do comportamentos, que constitúan un ataque, utilizando unha linguaxe pexorativa ou discriminatoria por razón de relixión, orixe étnico, nacionalidade, raza, cor, clase social, sexo, xénero ou calquera outro factor de identidade.
É obvio que os discursos de odio teñen a súa orixe na intolerancia, na non aceptación da diferenza, e que repercuten negativamente no clima social e polo tanto teñen consecuencias: non son inocuos, polo que afectan gravemente á convivencia.
Debemos polo tanto rexeitar o preocupante incremento que vemos nos últimos anos dos delitos contra a integridade das persoas, baseados no sinalamento excluínte da diferenza, e que moitas veces, atopan amparo ou teñen orixe nos discursos de organizacións políticas, sociais ou persoeiros públicos.
A protección dos dereitos humanos, a prevención da violencia e a loita contra todo tipo de violencias e discriminacións, precisa dun compromiso claro por parte de todas as forzas políticas no rexeitamento, na non xustificación e por suposto na non utilización dos chamados discursos de odio.
Polo tanto a loita pola igualdade, por conseguir unha sociedade máis xusta, inclusiva, diversa e tolerante, non será posible se non erradicamos do debate social e político os discursos de odio.Tendo en conta o exposto, os grupos municipais propoñen:
1 Que dende todos os grupos políticos do concello de Aranga se faga de xeito unánime a firme condena de todo tipo de atentados contra a vida das persoas, sen cuestionar, amparar ou xustificar as circunstancias persoais das vítimas.
2 Condenar e rexeitar os discursos que pola súa natureza ou contido alentan a discriminación ou trato diferenciado por razón de sexo, xénero, raza, procedencia, etnia, posición social, etc. E que poden contribuír á xustificación de actitudes sexistas, homófogas, xenófobas, etc que non deben ter cabida na nosa sociedade.
3 Promover que en cantos programas, actos, campañas que dependan directamente do Concello de Aranga , conteñan valores compatibles coa igualdade, o respecto á diferenza e á diversidade.”