A PROPOSTA DE HOXE: CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS 1

Sinalar antes de nada que non imos tratar materiais escolares, nin por suposto obrigatorios, a nosa intención é  tentar achegar algún recurso  para apoiar con tarefas e materiais accesibles para fomentar a diversión, ocupar o tempo de ocio e reforzar as habilidades. 

Cada 17 de maio, lembramos que en Galicia temos unha Lingua e unha literatura propia celebrando o DÍA DAS LETRAS GALEGAS. Dende 1963, a Real Academia Galega adica esta celebración a unha personalidade diferente.

Este ano 2020, o Día das Letras Galegas adícase ao escritor e educador Ricardo Carvalho Calero  (Ferrol, 1910- Santiago de Compostela, 1990); Filólogo e escritor galego, licenciado en Dereito e Filosófía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, foi tamén membro numerario da Real Academia Galega. Fixo historia na universidade: en 1972 converteuse no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega. 

Aínda que a celebración do propio día trasladouse para o 31 de Outubro, non queremos deixar de adicarlle un anaco do noso tempo a unha cita tan importante. Grazas á Real Academia Galega podemos desfrutar de materiais moi interesantes. Non deixedes de entrar no seguinte enlace para poder desfrutar deles!

A Academia celebra o Día das Letras Galegas na Rede con propostas para todas as idades

 Os pequenos e pequenas da casa dispoñen de propostas lúdicas e didácticas na web primaveradasletras.gal, un espazo para a comunidade de infantil e primaria con  Materiais para colorear para os nenos e nenas de menor idade, contidos descargables –tamén con ilustracións orixinais– sobre a vida, a obra de creación literaria de Carvalho Calero ou o seu labor como filólogo son parte dunha oferta que se completa con propostas interactivas centradas na súa paixón polo teatro e a ópera, a súa poesía ou espazos vitais do autor como Ferrol e Lugo . A RAG está, ademais, a debuxar cada día un retrato colectivo do autor a través da serie de microespazos audiovisuais Unha palabra para don Ricardo, un produto feito dende o confinamento que se suma a outros como a serie de entrevistas dixitais que a institución está a publicar na sección que lle dedica a Carvalho Calero nesta páxina web. Nesta mesma fiestra dixital, o académico Henrique Monteagudo asina a biografía do homenaxeado que percorre os principais momentos e títulos da súa traxectoria.

As Letras continúan no outono

A Real Academia Galega celebrará o pleno extraordinario do 17 demaio o vindeiro 31 de outubro, cadrando co cento dez aniversario de Ricardo Carvalho Calero e agardando que para aquela data as circunstancias sexan máis propicias. A cita mantense no teatro Jofre de Ferrol, cidade onde o homenaxeado naceu en 1910.

Como é costume, o outono tamén será o tempo do Simposio das Letras Galegas, onde se recollerán distintas achegas de carácter científico arredor da figura e do herdo intelectual do autor. A RAG prevé rematar o ano cunha coidada edición da correspondencia cruzada entre Carvalho Calero e Ramón Otero Pedrayo, realizada en colaboración co Parlamento de Galicia, a Fundación Penzol e a Fundación Otero Pedrayo. Recollerá máis de 180 cartas editadas e anotadas por Patricia Arias Chachero e Adrián Estévez, acompañadas dun ensaio introdutivo de Henrique Monteagudo e dun epílogo de Xesús Alonso Montero.

No ámbito académico, no seu legado destaca a Historia da literatura galega contemporánea (1963) e a Gramática elemental del gallego común (1966), manuais imprescindibles para varias xeracións de estudantes de lingua e literatura galegas. Na creación literaria, Carvalho Calero sentiuse ante todo poeta. O seu primeiro poemario en galego, Vieiros, saíu do prelo en 1931 e o último, Reticências… (1986-1989) veu a lume postumamente, en 1990. Foi tamén autor de obras teatrais e como narrador asinou, entre outras pezas, a primeira novela en galego da posguerra, A xente da Barreira (1951), gañadora do premio convocado por Bibliófilos Gallegos, e a novela Scórpio, Premio da Crítica de 1987.

REAL ACADEMIA GALEGA                 http://primaveradasletras.gal/category/fichas-didacticas/

Achegamos tamén a proposta que realizan dende o blog do CEIP da Castellana. 

DIAS DAS LETRAS GALEGAS

Estimadas familias:

Co fin de conmemorar os Maios e o día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio (que este ano se adica a Carvalho Calero), dende o CEIP A Castellana, propoñemos unha pequena actividade para que participe todo o alumnado.

Gustaríanos que todos os alumnos e alumnas elaboren unha coroa de flores e escriban un poema en galego. 

No caso de Educación Infantil, que lean o seguinte conto que vos facilitamos a continuación e posteriormente que elaboren un debuxo da Pita.

Posteriormente todos aqueles/as que o desexen, poden enviar unha imaxe onde saian eles mesmos, ensinando o devandito traballo confeccionado.

Tedes ata o martes 19 de maio para remitir as imaxes ao seguinte correo electrónico (pablo.sanchez@edu.xunta.es). Posteriormente subirémolos á páxina web do centro.

Con esta actividade de carácter voluntario, buscamos tamén que os alumnos/as poidan saír na páxina web de forma visible e deste maneira vernos de xeito telemático. 

Moito ánimo e forza

Bo día e lembrade, se gardamos as distancia, poderemos desfrutar das celebracións conxuntas antes!!!  Moito ánimo.

Anterior PROPOSTA DE HOXE: Somos Iguais… en casi todo.

Leave Your Comment

Praza Mestre Mosquera Nº1

15317 – Ponte Aranga – Aranga

Horario:

Lun – Ver: 8:30 am – 14:30 pm