Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas deste ano para compensar a redución da xornada de traballo das familias para atender ás súas fillas e fillos de ata 3 anos ou 12 no caso de ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%. O Goberno galego destina a estas achegas 620.000 euros e están financiadas nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa FSE+Galicia 2021-2027.
O obxectivo desta orde de axudas é fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes. Trátase de conseguir un cambio de tendencia e avanzar cara unha conciliación corresponsable. Con elas, búscase chegar a un maior equilibrio no reparto dos tempos das tarefas dos coidados e, deste xeito, favorecer a empregabilidade e a promoción profesional das mulleres.
Estas axudas están dirixidas a todo tipo de unidades familiares, como as monoparentais, as monomarentais, as integradas por persoas do mesmo sexo e para os homes nos casos de familias de distinto sexo. A súa contía oscila desde os 1.700 aos 3.700 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada de traballo e do número de menores a cargo. O máximo período subvencionable será de oito meses, comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024. Como novidade, para calcular a axuda terase en conta a porcentaxe máxima de redución da xornada co fin de que esta sexa a máis elevada posible.
Presentación de solicitudes
As persoas interesadas terán un mes de prazo para solicitalas. O prazo para resolvelas será de catro meses, contados a partir do día seguinte da súa publicación. No ano 2023, máis de 300 familias recibiron esta achega para o fomento da corresponsabilidade.